Xurxo Souto descóbrelles aos “terrícolas” a historia dos gaiteros do mar

Xurxo Souto codirixe xunto a Marín Rodas o documental Dos gaiteiros do marunha fita que recupera a memoria dos mariñeiros-gaiteiros que se embarcaron nos anos sesenta e setenta con destino ao Gran Sol, a Terranova, a Namibia. A eses e outros moitos lugares levaron a nosa música. Presentan o documental este sábado 23 no Festival de Cans
“Tocaron a gaita en Terranova, en Namibia, no mar do Carburo; fixeron música mestiza e cosmopolita mesmo antes de que existisen esas palabras”.Así resume Xurxo Souto a historia de Dos Gaiteiros do mar, o documental producido por Borneira Audiovisual que codirixe xunto a Martín Rodas e que se estreará o próximo sábado 23 de maio no Festival de Cans. Nesta fita recupérase o relato dos gaiteiros-mariñeiros que nos anos sesenta e setenta embarcaron cara ao Gran Sol. As voces que recolle o documental pertencen a Manuel Sotelo (Manoliño De Donón)  e Lito de Pinténs. A súa historia é a historia da música tradicional lonxe da terra, das gaitas máis alá da terra firme , alén do noso horizonte. Eles son os gaiteiros do mar deste documental que, segundo Souto, servirá para provocar a “descuberta dun mundo” que descoñecemos na Galicia. “Hai gaiteiros do mar que non coñecemos, dos que non sabemos nada. Ben seguro que despois deste documental, descubriremos moitos máis”, sinala Xurxo Souto.

“Tocaron a gaita en Terranova, en Namibia, no mar do Carburo; fixeron música mestiza e cosmopolita mesmo antes de que existisen esas palabras”. Así resume Xurxo Souto a historia de Dos Gaiteiros do mar

“Pouco se ten falado dos gaiteiros do mar”. Talvez, esa frase pronunciada polo Peix de Aldán, foi a mecha. Acabou por prendela a aparición dunha cinta histórica, un vello casete que resumía co play o son das gaitas sobre o mar. “Rubén Bastón trouxo ao programaMil Ribeiras da Radio Galega un casete gravado no Gran Sol, no que se escoitaba o son da gaita mesturado cos motores do barco e con toda as armonías do mar; unha marabilla”, lembra Souto. Esa gravación, titulada Nos mares do Gran sol,  resulta ser unha sorte de long-play na que se escoita a gaita de Manoliño de Donón, o tamboril de Feliciano de Donón e o bombo de Manuel Martínez Santomé. Os tres marcharan ao Gran Sol, embarcados no Ría de Aldán e unha noite,  Santomé, xefe de máquinas do barco, afanouse por gravar a repichoca. Era 1974.
“Ao escoitar a cinta, que nos pasou Xurxo, a min impactoume eses momentos en que están todos tocando e de súpeto para a música. Eran os golpes do mar o que interrompían. As ondas facíanlles perder o equilibrio. Cando máis capeaba, máis tocaban”, explica Daniel Lavesedo, guionista do documental. “É que eles tocaban nos momentos nos que non se podían fanear, con mal tempo, con ondas de metros e metros”, completa Xurxo Souto, quen coñeceu a importancia de levar os gaiteiros ao mar grazas á preparación do seu libro Contos do mar de Irlanda (Xerais, 2014). Nese título Souto descubriunos aos terrícolas, “o prodixioso saber gremial do mar”. “Os terrícolas non sabemos nada do mar e, no fondo, o mar é a única industria futura que nos vai quedar, que non podemos perder. Poderán deslocalizar Inditex totalmente ou poderán trasladar a Citroën, pero o mar é o que sempre nos vai quedar. E aínda así, a nosa educación baséase na terra. Non sabemos nada”, reflexiona Souto.
Para superar ignorancias e recuperar memorias, Xurxo Souto publicou este libro que o levou a querer descubrirnos a historia destes gaiteiros do Hío, Manoliño e Lito, que embarcaron coas súas gaitas e levaron a música tradicional desta terra a través das correntes mariñas, dende o Gran Sol até Namibia, durante anos de ir ao mar.
 

O carnaval do Hío

O documental sabe a Terranova e ao Gran Sol. Tamén a Namibia. Mais, sobre todo, sabe e soa ao Morrazo. Porque no Hío e Aldán comeza todo

O documental sabe a Terranova e ao Gran Sol. Tamén a Namibia. Mais, sobre todo, sabe e soa ao Morrazo. Porque no Hío e Aldán comeza todo.Naqueles lares, medraron  Manoliño de Donón e Lito de Pinténs. Alí aprenderon a tocar a gaita e alí deveceron, xa na adolescencia, con subir ao Palco de Nerga, no Carnaval do Gaiteiro do Hío. Pero o mar roubolles a posibilidade. Cumpría embarcar. “A min sempre me gustou a gaita e sempre quixen tocar no Carnaval. Pero poucos días antes, tiven que marchar para o Gran Sol. Houbo que embarcar e xa non puiden”, lembra o propio Manoliño de Donón, un dos protagonistas do documental. “Tocar no Carnaval do Hío era unha das máximas aspiracións para un gaiteiro, unha festa de gran tradición, de gran interese. Debiamos ter 16 ou 17 anos... por aí. Pero é o que ten mariñeiro. A Manuel chamárono e marchou para embarcar. Estivo máis de vinte anos no mar, nunca puido tocar no Hío”, lembra Lito, quen tamén estivo nas cubertas durante tres anos tras rematar a mili.
“A vida de mariñeiro de verdade foi a de Manuel, a miña foi curta, estiven tres anos en barcos” sinala Lito, quen sempre embarcou coa gaita no medio da equipaxe. “É que era un compañeiro máis na tripulación, servíanos de entretemento, para desconectar do traballo, para escoitar música naqueles días nos que non pescabas”, sentencia o propio Lito. Para Manuel, a historia coa gaita foille semellante. “A min algún patrón me dixo aquilo de que sen a gaita, eu non subía ao barco”, rememora Manolito.
No Carnaval do Hío comezou unha frustración. E no Carnaval do Hío, corenta décadas despois, tamén rematou. Porque neste 2015, foi Xurxo Souto quen argallou para suturar a ferida. Reuniunos para que puidesen tocar xuntos. E non contento coa emenda, quixo deixar testemuño. Para eso enredou a Gzmusica.com, que se implicaron decontado na  gravación da actuación primeiro e, despois, na rodaxe e montaxe do documental.
“Este é un documental horizontal, todos somos directores no fondo. E fixémolo con moito cariño e humildade... Ás veces, o audiovisual chega aos sitios arrasando e nós fomos ao Hío cunha tremenda humildade. Porque o Carnaval do Hío é a súa festa e nós falamos coa comisión, con moito agarimo para que eles puidesen tocar e nós gravar”, explica Xurxo Souto. E alí, sobre o Palco, corrixiuse a historia destes gaiteiros do Mar. E tamén se gravou unha parte central deste documental.
 

As cousas do mar
“As cousas do mar non se contan na terra”. Esta máxima, do Machín de Muxía, tírase do libro Contos do mar de Irlanda. Mais ningunha máxima está libre de sucumbir á emenda. Sobre todo cano ten máis de fraude ca de lema. Iso é algo que ten claro tanto Xurxo Souto coma os seus compañeiros de equipo. “Non é certo iso de que as cousas do mar quedan no mar. Os mariñeiros queren e poden contar as súas historias, historias que importan. Só hai que querer escoitalas, preguntar. Eles quererán contalas se a xente lles dá valor”, sinala Daniel Lavesedo, quen engade que “eles en moitos caso non lles dan o valor que teñen as súas vivencias porque as viviron no día a día, pero son cousas fóra do común.”
Nas vivencias, o documental atopa outro dos seus piares. “Pasamos horas con eles, gravando, fomos as súas casas”, sinala Lavesedo sobre un documental na que as voces e as historias pertencen, ademais de a Manoliño de Donón e a Lito de Pinténs, a Feliciano de Donón, Manuel Martínez Santomé e mesmo ao Peix de Aldán, o encargado de poñerlle a voz en off á fita.
 

Concertos por radio

“Faciamos concertos a distancia en realidade. Porque nós tocabamos coa radio conectada a outros barcos, tamén escoitaban a nosa música, estabamos así sempre máis acompañados”

Manoliño de Donón levou a música tradicional do Morrazo polo mundo adiante. Sobre os barcos, entre as redes, do Gran Sol a Namibia. Ao seu carón, viaxaba a súa gaita. Tocaba cando podían e cando non podían facer outra cousa. Ás veces, a música sucaba os mares, non quedaba nos camarotes. Chegaba a outros barcos, en auténticas foliadas atlánticas.“Faciamos concertos a distancia en realidade. Porque nós tocabamos coa radio conectada a outros barcos, tamén escoitaban a nosa música, estabamos así sempre máis acompañados”, lembra un Manoliño que en Walvis Bay, Namibia, sorprendeu tamén coa súa gaita. “Pasamos alí un fin de ano e convidáronnos a tocar nunha discoteca, na festa de noitevella. O dono era un portugués e quixo que actuásemos. Non o podo dicir seguro, pero vaia... Foi a primeira vez que toda aquela xente escoitara unha gaita na súa vida.”  Probas para defender esa tese non lle faltan. Porque na alfándega, viuse na obriga de tocala diante dos funcionarios fronteirizos. Eles non recoñecían un instrumento, sospeitaban unha arma. “Waepon, weapon”, berrábanlle, talvez asustados, perante o inaudito. Xamais viran tal cousa. Quizais non a volveron ver.

“Comezamos a tocar na discoteca, que era un sitio grande. De súpeto, ateigouse a pista de baile... Eran todos galegos, non os coñeciamos, pero estaban alí. Sempre hai galegos a onde vaias. Foi moi emotivo”

Lito, pola súa banda, tamén ten lembranzas de momentos emocionantes que viviu co fol da gaita baixo o brazo. Ao outro lado do océano, no Atlántico Norte, tocou polas rúas de Saint Pierre et Miquelon, unha pequena illa situada fronte ás costas de Terranova. “Era Nadal e tocamos polas rúas, cheas de neve. De súpeto tiráronnos, o que pensabamos que era un ladrillo. Deixamos de tocar, pensando que estabamos a molestar. Pero non era ningún ladrillo, era unha caixa de bombóns que nos guindaran dende un convento de Monxas”, explica un Lito que, ao igual que Manoliño, chegou a cativar unha audiencia inesperada nunha discoteca. Neste caso, en San Xoán de Terranova. “O noso capitán era amigo dun canario que tiña alí un local. Visitounos no barco xusto cando andabamos a tocar.  Pediunos que foramos a súa discoteca a tocar, nos dixémoslle que non era boa cousa, que só tiñamos a gaita e que as pandereitas eran improvisadas, que estaban feitas con chapas”. Ao final, accederon a baixar do barco, a enfrontarse ao público.“Comezamos a tocar na discoteca, que era un sitio grande. De súpeto, ateigouse a pista de baile... Eran todos galegos, non os coñeciamos, pero estaban alí. Sempre hai galegos a onde vaias. Foi moi emotivo”, conclúe Lito.

Será proxectado nun Festival de Cans que volverá reunir estes músicos oceánicos o sábado 23 ás 17.30 horas

Estas son algunhas das anécdotas que acompañan as voces, os sons dos gaiteiros do mar que nos descobre este documental, que será proxectado nun Festival de Cans que volverá reunir estes músicos oceánicos o sábado 23 ás 17.30 horas. Manoliño de Donón e Lito de Piténs tocarán no Jaliñeiro Unplugged. Os gaiteros do mar por fin toman terra.
 
Fonte: Praza

Etiquetas: 

Engadir novo comentario

Plain text

  • Non se permiten etiquetas HTML.
  • Os enderezos de páxinas web e os de correo electrónico son convertidos automaticamente en enlaces.
  • Saltos de liña e parágrafo automáticos.